Thursday 25 de April de 2024

Unha estudante da Escola Pablo Picasso, creadora do novo cartel da Policía Local de Tráfico da cidade


Patricia Rodríguez Dorado gañou o concurso promovido polo corpo municipal de Policía nunha iniciativa conxunta coa Escola Superior de Deseño Pablo Picasso

A alcaldesa, Inés Rey, o xefe de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán, e varios representantes da Policía Local de Tráfico recibiron no Pazo de María Pita a gañadora do concurso que escollía este ano o cartel para a sección de Tráfico do corpo municipal de Policía, Patricia Rodríguez Dorado, estudande da Escola Superior de Deseño Pablo Picasso.

Entre os máis de 20 carteis que o alumnado da escola de deseño herculina presentou, o cartel de Patricia foi o elixido: “a súa temática, contido e, sobre todo, o seu deseño innovador foi o que máis gustou”, asegurou Rey. A peza, un tríptico, abarca nun formato único a actuación, educación e intervención en materia de tráfico.

Non é a primeira vez que a Policía Local de Tráfico colabora coa Escola Pablo Picasso, pero si a primeira colaboración para o deseño de materiais gráficos coma o cartel da sección de Tráfico. Desde o Concello agardamos que esta innovadora iniciativa, pensada desde un inicio polo corpo municipal de Policía, siga a repetirse nos vindeiros anos e así manter o apego coas escolas artísticas da cidade.